Herramientas de usuario

Herramientas del sitio


empresarias_universitarias

Antecedentes / Empresarias universitarias



E no século XXI, que está a ocorrer?

Nótase a influencia da incorporación masiva ás universidades?


Empresarias, universitarias, loitadoras e orgullosas


Se falamos de “as historias”, nun traballo que pretende conseguir unha perspectiva histórica, social e económica, convén ter en conta calquera indicador de avance polo que, no outro extremo, poderiamos colocar as novas xeracións, ben formadas e nun novo marco lexislativo igualitario, cando menos no plano teórico…

Tomamos como referencia os testemuños de empresarias universitarias da investigación que realicei a finais de 2007 no marco doutro proxecto europeo, o Calíope.

As empresarias entrevistadas adoitan negar unha realidade que probablemente non perciben, porque elas son creadoras de oportunidades. Será máis fácil que che conten os seus erros que as carencias que non dependen de elas, coma se negasen ao resto do mundo a capacidade de decidir polas súas vidas.

Aceptan a entrevista fundamentalmente por curiosidade. Non renegan do éxito pero prefiren achacar a súa decisión á falta de oportunidades profesionais. Ningunha delas arrepíntese das decisións tomadas nin cambiaría de orientación profesional. Ser empresaria non é unha, senón un xeito de vida.

Son mulleres soñadoras e prácticas, que teorizan pouco e fan moito, que non cren nas receitas máxicas e non pairan demasiado no que falta porque prefiren centrarse no que se pode facer.

Atopan que a principal dificultade está en aprender que dirixir e xestionar, é unha carreira de fondo que che dispersa do principal obxectivo da empresa. Desde ámbitos diferentes hai coincidencia na detección de carencias e necesidades que apuntan moi directamente aos plans formativos e á rixidez das universidades.

  • Estímulo na detección de necesidades xa que a universidade parece en moitos casos ter vocación de fomentar a carreira funcionarial e de bolseiros permanentes no canto de formar e alentar vocacións profesionais e/ou emprendedoras.
  • Formación en xestión.
  • Achegamento ao mundo da empresa.
  • Percepción de valor sobre as habilidades comerciais.
  • Preparación en habilidades comerciais e mercados.
  • Formación no ámbito lexislativo para a procura, lectura e interpretación da legislación.

Galegas orgullosas á vez que “empresarias globais”, case todas dominan idiomas ou afirman non ser “xefas ao uso”. Un novo estilo do que, seguramente, hai moito que aprender.

As empresas destas empresarias universitarias son de base tecnolóxica. Por tratarse de entrevistas relacionadas coa súa actividade empresarial, inícianse os seguintes apartados coa descrición das súas empresas.



Nanogap SL

Nanogap céntrase na fabricación de clústeres cuánticos atómicos e comercializa catro categorías de produtos, nanopartículas de magnetita e clústeres de prata, de platino e de ouro. As nanopartículas de magnetita/maxemita son partículas por debaixo dos 10 nanómetros con moi boas propiedades ferromagnéticas.

A vantaxe competitiva da base tecnolóxica de Nanogap radica no desenvolvemento dun método propio de produción dos clústeres, froito do labor de investigación desenvolvido polo grupo de nanotecnoloxía da USC, e que os seus promotores catalogan como sinxelo, eficaz e barato. Os clústeres, fronte ás nanopartículas, son de menor tamaño o que implica que para lograr o mesmo efecto é necesario unha cantidade menor de partículas, ademais de que este reducido tamaño permite alcanzar lugares que son de difícil acceso para as nanopartículas. Segundo os responsábeis deste proxecto, e de acordo cos datos da Fundación Nacional para a Ciencia de Estados Unidos, o sector da nanotecnoloxía alcanzará no ano 2015 o valor dun trillón de dólares.

Tatiana López del Río

“É difícil pensar en algo do que non oíches falar”

Ten 27 anos, é química e adora a súa profesión e o seu traballo. Tatiana ten un espírito emprendedor que non naceu na universidade, onde a práctica totalidade de profesores o relatores procedían do ámbito académico. Non tivo exemplos nin contacto co sector industrial.

Onde si tivo “sorte” foi no proxecto de fin de carreira que se desenvolveu nunha empresa e que contribuíu a que, a finais de 2005, empezara a fraguarse Nanogap, que se fixo realidade grazas ao apoio, formativo e moral de programas específicos de formación empresarial como foi, no seu caso, o programa Empresa Concepto impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Tras un ano de preparación, Nanogap iniciou a súa actividade en setembro de 2006 co obxectivo de converterse nunha empresa referente neste sector de futuro.

Tatiana pensa que a formación emprendedora ten que empezar no colexio, que as mulleres teñen que aprender a sentirse cómodas asumindo postos directivos e que a palabra “ambición” ten que pasar a formar parte do seu vocabulario habitual.

A súa motivación persoal non é o diñeiro, senón o propio reto da creación e consolidación da empresa e o desenvolvemento da súa profesión. En dous ou tres anos quere duplicar o cadro de persoal e non comprende a palabra fracaso que, en todo caso, consideraría unha aprendizaxe e un novo punto de partida.

Nanogap é unha empresa internacionalizada e con vocación global. Os seus clientes están en Europa, polo que a súa estratexia comercial inclúe a presenza habitual en feiras e congresos en Alemaña, Inglaterra (onde xa participou como conferenciante) e NanoSpain, que é o punto de encontro da nanotecnoloxía española.

A empresa está participada por Unirisco e Uninvest, pero o 40% do accionariado está en mans de mulleres e ten actualmente un cadro de persoal de sete persoas que Tatiana dirixe coa axuda dun recentemente incorporado xerente comercial para cuxa selección se tiña “certa preferencia” en que fora home: unha “pequena cesión” na procura de competitividade.

Nese sentido comenta, e máis a modo de anécdota como se fose un reto que no fondo lle divirte, que cando están nunha feira, os clientes se achegan a ela máis na procura de información, e ao xerente cando a intención é claramente “de negocios”. Pero só é unha “primeira reacción sen efectos secundarios”.

No día a día, entre os dous codirixen os proxectos de I+D repartíndose as áreas de clientes/empresas e desenvolvementos de I+D.

Os obxectivos da empresa apuntan ao mercado americano, en espera por pura cuestión loxística, no que “só teñen un competidor”, e á conquista de novos sectores no ámbito das empresas de materiais. Para iso precisan medrar e contan trasladarse en breve a unha nave nun polígono industrial preto de Santiago de Compostela, mentres se preparan para unha segunda entrada de capital de 500.000 euros para a mellora de equipamento con reactores de 50 e 100 litros. Así de sinxelo!

Tatiana fala de “pinturas anti-mofo” con aplicacións en cascos de barcos (que abaratarían os custos de mantemento), de “pinturas antiapantallamento magnético” que permiten diminuír o efecto das radiacións nos móbiles (para o que xa manteñen conversas con Nokia) e de aplicacións no campo da medicina en “material antimicrobiano”, que pode ir dende os gorros ata o instrumental.

A súa vocación é innata e anterior a este proxecto porque xa pensaba iniciarse coa súa propia empresa, pero a oportunidade desta patente a levou a un proxecto da maior envergadura.

Recoñece que “a transición da idea á empresa” é difícil e, no seu caso, destaca como principais puntos fortes o alto grao de motivación, a sorte de estar acompañada por un equipo de profesionais e, con especial cariño, os antecedentes familiares nun avó empresario que probablemente favoreceu o apoio dos seus pais.

Galicia Dreams

Terceiro premio da sexta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, este proxecto está promovido por Cristina García e Gonzalo José Vázquez, arquitectos especializados en urbanismo, e pola licenciada en Dereito Dolores Lojo.

Galicia Dreams Dreams é unha consultora para posíbeis investidores en arquitectura para a reestruturación rural con carácter sustentábel. O seu servizo abarcaría a elección dun solar, realización do proxecto de rehabilitación ou de nova obra, desenvolvemento e mantemento da obra. Os promotores utilizarán o método inglés BREEAM, totalmente novo en Galicia, xa que, segundo sinalan, nesta comunidade non hai métodos de análise ambiental para arquitectura sustentábel e o utilizado é un dos máis prestixiosos no ámbito mundial.

Cristina García

Ninguén te ensina a ser empresaria

Unha empresa diferente, fresca, innovadora nos obxectivos e nas formas, que “tenta proporcionar unha relación natural entre as persoas e o medio combinando as últimas tecnoloxías con métodos tradicionais”. É dicir, metodoloxía, materiais, enerxía alternativa e métodos saludábeis.

A súa estratexia consiste na integración de valor engadido a custos alcanzábeis. Galicia Dreams, S. L., é unha empresa formada por dous arquitectos galegos con experiencia en Inglaterra e Países Baixos, respectivamente, unha avogada-economista galega con experiencia en Europa e un grupo de colaboradores a nivel local e internacional.

Cristina fai arquitectura en Galicia, Dolores (avogada) xestiona dende Zaragoza e Gonzalo ocúpase do mantemento da web dende Barcelona. Son unha empresa real que domina o espazo virtual para dirixirse a un mercado global e multi-idiomático.

A vocación empresarial de Cristina e Dolores ten antecedentes familiares nos sectores da pedra e do téxtil e buscaron acompañamento especializado para perfilar o seu plan de empresa a través do programa Empresa Concepto.

Cristina é arquitecta que xa traballaba como autónoma dende os 25 anos exercendo a súa profesión. Completou a súa formación cun máster en Holanda que lle deu unha perspectiva diferente e innovadora que trasladou a Galicia Dreams.

Opina que as tan publicitadas axudas ao emprendemento teñen máis de publicidade que de axudas, aínda que o proxecto Galicia Dreams acadou axuda do Igape e foi cualificada como “Iniciativa empresarial de base tecnolóxica” (IEBT). Na empresa traballan os tres socios e actualmente teñen unha empregada.

Cre que aínda está mal visto que unha empresaria sexa muller e que hai factores que inciden especialmente como a maior incidencia do medo ao fracaso e a desprotección social e económica.

Máis receptiva a falar da súa profesión que da empresa, quizais pola súa característica virtual que incide nun menor sentido corporativo, manifesta carencias no período formativo porque “ninguén te ensina a ser empresaria”. Cre que, ademais de deseñar mecanismos para o fomento dunha actitude emprendedora, sería necesario incluír nos períodos formativos unha preparación específica, especialmente no ámbito da xestión.

Outra das limitacións é a falta de apoio económico porque as ideas, a capacidade e a decisión, non serven de nada sen diñeiro.


EVENTYAM INGENIEROS, S.L

EVENTYAM INGENIEROS, S.L. é unha empresa de carácter tecnolóxico constituída en xullo de 2005. Está formada por un grupo de traballo multidisciplinar, integrado por enxeñeiros de telecomunicación con experiencia en radiocomunicacións, telemática, ICT, proxectos chave en man, e por doutores en Física cunha longa traxectoria en investigación científica sobre telemetría, campos electromagnéticos e as súas aplicacións.

En conxunto forman unha organización quen de ofrecer e achegar aos seus clientes servizos e solucións en canto á verificación dos requisitos de “seguridade”, “funcionalidade” e “integración de sistemas” dende o punto de vista das TIC e a “compatibilidade electromagnética”. Diríxese ao sector público, sanitario, industrial e laboral con solucións de enxeñería a medida soportadas nas tecnoloxías de información e comunicacións.

María Baltar

España é pouco competitiva para crear empresa. Entramos defectuosos na universidade

Primeira galega que se graduou en electrónica en Caracas en 1977, onde marchou con 1 ano. A súa voz denota firmeza e un certo autoritarismo, suavizado polo acento de Venezuela que aínda conserva. Volveu hai 15 anos e no ano 1992 aínda se percibía o rexeitamento directo ás mulleres no seu ámbito profesional.

María xa era empresaria en Venezuela, onde codirixía co seu home unha empresa de son e audio e, como empresaria, ten moito que contar, pero é no ámbito formativo onde dá unha visión que enriquece o obxectivo deste dossier. A súa promoción formou parte dun plan universitario experimental con criterios europeos que estaba dirixida por un filósofo.

O obxectivo era que non se podía ser “analfabetos modernos”, polo que si tivo formación económica (micro e macro) e unha importante porcentaxe en humanidades. Os dous primeiros anos recibiron formación en técnicas de estudo e comprensión e preparación para ter un sentido crítico na elección de lecturas sobre o enfoque que adoptaba o libro. Aprenderon a interpretar e descubrir que, incluso os de análise matemática e de ciencias poden ter un mal emfoque que implicaría unha aprendizaxe con “erros de concepto”.

Durante a carreira participou na posta en marcha dun laboratorio de radiocomunicacións para unha empresa. No proxecto participaban 87 profesores e só dúas eran mulleres, pero a excepcionalidade radicaba nun equipo integrador xa que proviñan de 23 nacionalidades diferentes.

A pesar dos seus antecedentes, María completou a súa formación en España cun curso de “creación de empresas TIC” da EOI na Coruña, en 2004.

Foi docente na universidade con 21 e 22 anos, impartindo clases a alumnos de máis de 25, grazas a unha opción do propio plan de estudos como “axudantes de preparadores universitarios”. De entrada afirma que “non hai machismo”, aínda que na práctica cotiá si percibe a miúdo un rexeitamento que vai dende o director de obra ata o peón electricista.

Os seus fillos son tamén “emprendedores”, pero ela cre que non é polo seu exemplo, senón que hai que ter un perfil. Móstrase convencida de que “ser empresaria é unha nova carreira” e que en España a xestión e o día a día son moi complexos. Lembra que na súa etapa de empresaria en Venezuela, as asesorías compartían a responsabilidade coas persoas responsábeis da empresa de todo o que se asinaba.

Ser empresaria, independentemente do sector, non só é producir xa que a xestión implica un alto grao de dispersión, o que se agrava cos constantes cambios normativos e os múltiples frentes abertos que xeran estrés e inoperancia: “España é pouco competitiva para crear empresa”.

EVENTYAM INGENIEROS, S.L. está formada por varios socios pero a empresa lévana dúas mulleres e, aínda que durante anos elas tiveron o 50 % do capital, quedaron excluídas do ámbito de moitas axudas institucionais.

As súas críticas diríxense tamén ao propio sector empresarial, onde detecta unha profunda carencia no ambito asociativo e na falta de cultura corporativa derivada dun individualismo acérrimo e esaxerado, e a un concepto da competitividade mal entendido que leva, en ocasións, á falta de ética.

“A solución non ten receita”. Tería que empezar en primaria porque “entramos defectuosos na universidade”, e con deficiencias para traballar coa linguaxe. “Aínda lembra como o director da súa tese de doutoramento xustificaba as súas faltas de ortografía porque “sempre ía ter unha secretaria”.

Destaca tamén que non saben traballar dentro da normativa nin coas súas fontes nos boletíns oficiais.

Non amosa unha especial complicidade coas colegas empresarias do sector nas que aprecia unha certa tendencia a condutas manipuladoras, aínda que por outra parte as xustifica polo machismo do seu ámbito profesional que obriga a utilizar tácticas para se impoñer.

Continuando coa “non receita”, as responsabilidades apuntan ás institucións de goberno, de onde cre que teñen que partir pautas claras con obxectivos e ferramentas ben definidas.


Loroestudio

Defínense como un estudio de deseño e comunicación creativa multiplataforma que, dende Ferrol, compiten no ámbito das TIC con deseños e desenvolvemento de contidos e aplicacións para dispositivos dixitais 2.5 e 3G, pocket PC, televisión interactiva e web.

Presumen con orgullo, e con razón, de seren provedores oficiais de i-mode e contidos flash para Movistar. Forman parte de Movilforum, da mesma operadora, o que, segundo contan na súa web, garante o apoio técnico e a calidade nas súas aplicacións, tanto empresariais como de ocio ou mensaxería multimedia con fins publicitarios.

Defínense como o primeiro estudo galego que desenvolve contidos para a televisión dixital interactiva para o que teñen establecidas relacións con operadoras de cable e satélite e con outros provedores de contidos para a televisión interactiva.

Rosa Berea

Hai que saber para dirixir. Despois de catro anos, familiares e amigos aínda non saben explicar a que nos dedicamos

De entrada, tamén afirma que “non hai diferencia de xénero”.

Iniciaron a actividade en 2004 e na actualidade, ademais dos socios, teñen dous empregados (aclara que no proceso de selección presentáronse menos mulleres).

Estudou Enxeñería Técnica Naval porque en Ferrol non había moito onde elixir e a súa profesión foise definindo nos cursos posteriores de deseño gráfico e flash live para móbiles.

Non estudou por vocación e os estudos non conseguiron motivala. No sector naval a presenza das mulleres é practicamente inexistente: só eran 15 ou 20 mulleres na súa promoción, e todos os relatores convidados eran do ámbito académico.

A única experiencia próxima ao mundo empresarial durante a súa etapa universitaria foi a empresa “xúnior” a través da que realizaron traballos para un cliente do sector naval.

Rosa ocúpase fundamentalmente da xestión da empresa que, na súa opinión, é en si mesma un proxecto para o que ninguén te prepara. Ten claro que “hai que saber para dirixir”, algo que non se aprende na universidade, aínda que “agora pode que se fomente algo na formación profesional”.

O socio encárgase dos mercados porque “é máis extravertido”, mentres ela se sente máis eficaz na dirección e xestión. Non é moi partidaria das “charlas”, aínda que foi superando a súa percepción negativa e ela mesma ten participado como relatora nalgunha ocasión.

A súa actividade redúcese nos veráns, o que, na actualidade, aproveitan para “planificar” apoiándose en servizos especializados externos de consultoría estratéxica. En poucos anos a empresa ten unha estabilidade e un crecemento sustentábel que podería ser maior “se a Administración apostase dun xeito máis efectivo pola formación en TIC”. Transcorridos catro anos dende o inicio de actividade de Loroestudio, “os familiares e amigos aínda non saben explicar a que nos dedicamos”.

Responde, aínda que con certo titubeo, que un dos principais obxectivos coa empresa é o diñeiro: “Por que non?”, para explicar a continuación que non quere unha empresa moi grande, entre outras cousas, porque non quere perder “o control”.

Rosa séntese máis segura falando da empresa que de si mesma: “Non son unha xefa ao uso”. Reprégase momentaneamente nunha timidez que desaparece en canto os clientes entran de novo na conversación, contando con orgullo como valora Telefónica Móbiles a capacidade creativa e dinamismo de Loroestudio ou como, no último concurso que gañaron, competían cunha empresa moito máis grande de Madrid.

“O fracaso? Pódese dar, pero con entusiasmo… quizais volvería a empezar”.

Aínda que parece non querer verse a si mesma como xefa, segundo ela é marcar pautas e métodos, como socia de Loroestudio, ten neste momento a presidencia da recén creada Asociación TIC de Ferrol Terra, e probablemente integrarase na Asociación de Empresarias Aecofe.


Salbia

Salbia, Seguridade e Hixiene Alimentaria inicia a súa actividade empresarial en febreiro de 2005, sendo cualificada como ILE (Iniciativa Local de Emprego) polo Concello de Santiago de Compostela. Está promovida por dúas licenciadas en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía que deciden encamiñar a súa vida profesional no campo da seguridade e hixiene alimentarias.

O obxectivo de Salbia é promover na industria alimentaria a cultura da xestión en seguridade e hixiene nos alimentos que manipulan para controlar e minimizar os posíbeis perigos (físicos, químicos e microbiolóxicos) que existen neste sector.

María Serantes

Nas carreiras non hai enfoque á vida práctica. Saes completamente perdido. O fracaso é experiencia e aprendizaxe

Remataron a carreira en 2001, e enfocáronse rapidamente ao mercado de traballo, pero “non lles gustaba o que había” polo que optaron por marcar o seu propio rumbo profesional. “Nas carreiras non hai enfoque á vida práctica. Saes completamente perdido. Agora o vexo e é básico”.

Pode que os antecedentes familiares lles influíran, pero buscaron formación específica nun curso de planificación empresarial do Igape e outro no seu ámbito específico de microbioloxía alimentaria. O seu proxecto foi cualificado como iniciativa empresarial de base tecnolóxica (IEBT) e o inicio da súa traxectoria empresarial veuse a miúdo acompañada dunha pregunta: “E sodes as dúas soas?”.

Teñen claro o seu mercado, pequenas e medianas empresas do sector da alimentación e a hostalería e os seus obxectivos, que reforzan con alianzas estratéxicas como a externalización dos procesos de laboratorio coa universidade.

María cre que hai aspectos que aínda resultan raros na muller, e que actúan como limitacións, como a ambición. Fala rápido, con enerxía, cun entusiasmo contaxioso. Ten 31 anos e un fillo de sete e, aínda que di que “no folleto todo é moi bonito”, si hoxe en día puidese elixir, non deixaría a empresa.

Nos seus obxectivos non fala de diñeiro, pero quere montar o seu propio laboratorio porque “o beneficio o leva a universidade”. A súa planificación a medio prazo implica un investimento próximo aos 30.000 euros e a contratación dunha persoa para o laboratorio, polo que planifica a transformación en sociedade mercantil porque pode facilitar o acceso a recursos de financiamento a través das axudas oficiais.

María mantén o mesmo nivel de entusiasmo cando se lle pregunta pola súa motivación persoal, ao que contesta coa mesma asertividade: “Saber que é nosa e gañar diñeiro, por que teño que ir de ONG?”. O fracaso é “experiencia e aprendizaxe. Aquí a cultura é mala. Se pecho a empresa, non fracaso” e reivindica a palabra ambición que, nas mulleres, adoita ter connotacións negativas.

Afirma que hai un descoñecemento total do que é unha empresa e que a formación debería iniciarse no bacharelato. É fundamental ter algunha noción de contabilidade, saber diferenciar préstamo de crédito, entender de intereses, saber facer unha declaración.

Quizais pola influencia que ten na súa actividade, non comprende como na formación universitaria non se aprende a ler a lexislación, nin como a universidade pode continuar tan afastada do ámbito empresarial, tan descoñecedora dos mercados e do trato cos clientes.

María tivo a sorte de encontrarse con Uninova, porque “da facultade saes en bragas”. Cre que o retardo non afecta só ao ámbito universitario, senón que é cultural e que seguir a falar de emprendedores é unha actitude reactiva cando o que se precisa é unha estratexia: “A empresa xera ideas”.


Ximena Enxeñería

Ximena Enxeñería inicia a actividade en Lugo en 2002, constituída por profesionais do sector ambiental avalada dende a Universidade de Santiago de Compostela, a través de Unirisco e Uniemprende, e a Fundación CEL. O enfoque innovador da empresa introduce novas tecnoloxías de traballo na xestión do medio natural e valoran o coñecemento de linguas estranxeiras, de xeito que a empresa ten capacidade de comunicación en seis idiomas.

O proxecto empresarial foi cualificado como iniciativa de base tecnolóxica pola Xunta de Galicia, a Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación Españois e recibiu premios da Fundación CEL e da Universidade de Santiago de Compostela.

Ximena ten unha forte compoñente de I+D con proxectos apoiados polo goberno autonómico en “fotointerpretación automática da imaxe dixital” e o deseño dunha “metodoloxía para a valorización dos recursos naturais e o patrimonio cultural”.

María

Ao principio metemos a pata moitísimo, pero tiñamos claro que non éramos unha ONG”. Non nos asusta medrar, pero as mulleres somos máis prudentes, non nos guiamos tanto pola aparencia.

Tras estudar Enxeñería de Montes, Eva, María e Isabel constituíron a empresa en 2002, quedando só Eva e María a partir de 2005. Os inicios profesionais non eran doados xa que unha muller-enxeñeira-forestal resultaba un combinado de difícil asimilación.

Como en tantos outros casos, a súa inspiración empresarial non vén da carreira senón da súa participación no programa Erasmus que levou a María a Alemaña e a Isabel a Italia, onde percibiron novas opcións que superaban o “enfoque cuadriculado no medio natural” que por entón imperaba neste país.

Detectaron unha interesante oportunidade no sistema de información xeográfica cun software de código aberto e lanzáronse á aventura empresarial. Foi entonces cando cambiou a actitude dos clientes porque xa eran elas as que asumían a responsabilidade do seu traballo.

A seren empresarias aprenderon sobre a marcha, igual que a tratar cos bancos porque non lles serviu de moito a linguaxe algorítmica usada polos economistas en cursos específicos para aprender a negociar. Coas oito persoas que teñen no cadro de persoal na actualidade, elas seguen a facer o traballo comercial porque nin María nin as súas socias son “mulleres de oficina”, aínda que na etapa inicial tiveron que afrontar o ámbito da xestión.

Non presume de ser especial, aínda que cre que habitualmente “os homes son máis botados para adiante”, pero que ten moito de cultural. Gústanlle os cursos de autoestima que se fan actualmente ás mulleres do rural e pensa que igual non viñan mal no ámbito universitario, pero recoñece que para levar unha empresa tampouco serve todo o mundo.

“Ao principio metemos a pata moitísimo, pero tiñamos claro que non eramos unha ONG”. Cre que a ambición é importante pero que precisa un plan, que non pode dirixir a túa vida. Que é boa para mellorar, para non conformarse, pero sería moi feliz con menos horas de traballo, unha remuneración digna e un equipo de traballo equilibrado: “Non nos asusta medrar, pero as mulleres somos máis prudentes, non nos guiamos tanto pola aparencia”.

Encontra moitas carencias na formación universitaria, que se resiste a superar os estereotipos e segue de costas á realidade empresarial. Na súa visión, ten un peso importante a súa experiencia no exterior e non entende como, sendo un dos países máis regulados, non se fala de lexislación nas carreiras.

Entre as súa recomendacións está a necesidade de seguir estudando e formándose e viaxar, no que pon especial énfase: “Hai que saír antes e despois. Os galegos temos moito que avanzar”.

María ten 34 anos e é unha metralleta de entusiasmo. Cando falamos con ela, está iniciando unha nova empresa persoal coa súa recén estreada maternidade. Tal vez porque procede dunha familia emprendedora, afronta este novo reto coa mesma ilusión innovadora que a empresa xa que, xunto co seu marido, indagan con fórmulas de conciliación aínda non moi implantadas.


Interacción

Interacción é unha empresa consolidada, pioneira por vocación no ámbito das TIC e o audiovisual cando aínda non existían en Galicia, e que ten latente outro proxecto empresarial que vai iniciar unha andadura en 3D no mercado dos xogos.

Beatriz Legerén

As mulleres pasamos demasiado tempo en estado de protoempresarias do que só somos quen de saír cando consideramos que a empresa funciona. A verdadeira aposta institucional debería ser aos tres anos, cando a empresa precisa consolidarse.

Beatriz é unha amante do saber. Estudou Xeografía e Historia, especializándose en Arte Clásica e Museoloxía. Fixo un MBA en administración de empresas e cursos específicos de xestión audiovisual. Con estes antecedentes, Beatriz afirma: “Montei a empresa porque era unha ignorante”.

Di que quería facer algo pola súa conta, explorar o ámbito das novas tecnoloxías (que daquela eran certamente “novas”), pero que tampouco había moitas oportunidades no mercado de traballo. Pensou que o que facía para outros o podía facer para si mesma, pero non era tan sinxelo. Non se ten unha empresa se non se é empresaria, hai que ter “vocación e aguante a partes iguais e estar disposta a moitas renuncias”.

A súa elección foi unha bomba dentro da familia: “Muller e empresaria era algo que non entendían”. A comprensión veu máis tarde, sobre todo por parte do pai, co que comparte o seu carácter emprendedor.

Opina que a actual persistencia institucional en fomentar vocacións emprendedoras precisa enfoque e conta, a modo de anécdota, o caso dun amigo que, xa cumpridos os corenta, decidiu seguir a súa vocación empresarial e foi rexeitado en catro programas de emprendedores polas canas.

Para Beatriz, o fracaso “é experiencia e capacidade de mellora”. Defende que “a verdadeira aposta institucional debería ser aos tres anos, cando a empresa precisa consolidarse e empezas a ser consciente da evolución de emprendedora a empresaria”. É nese momento cando hai que reforzar con formación e asesoramento.

Fala amodo, sen artificios, coa harmonía que precisan as verdades e as sentencias. Inimiga das culpas, tampouco desculpa as responsabilidades que todos temos que asumir, incluída a falta de corporativismo das mulleres que estamos excesivamente dispersas.

Defende a ultranza o necesidade dun sistema asociativo efectivo para a nosa realidade de pemes e micropemes e a renovación dos plans de formación universitarios que non inclúen exemplos de mulleres que conten a súa experiencia. Aínda que non o expresa directamente, pensa que o reforzamento do liderado feminino precisa dunha atención especial, que un exceso de humildade mal entendida nos fai pasar demasiado tempo no estado de “protoempresarias” do que só somos quen de empezar a saír cando consideramos que a empresa funciona.

Á súa imaxe silenciosa e “case tímida” choca coa súa traxectoria de retos e éxitos que se aprecia con só dar unha paseo pola web da empresa. Apostou hai moitos anos por unha Film Commission Virtual que pretendía colocar a Galicia como un plató privilexiado no mundo do cine e que sorprendeu fóra, pero non atopou o respaldo preciso para a súa continuidade porque se adiantou aos tempos cando o audiovisual galego aínda non era nin un soño.

Pero, como ela mesma di, ser empresaria é vocación e aguante a partes iguais, e reinterpreta a insatisfacción como motor de cambio. Na actualidade imparte clases de teoría e técnica da comunicación televisiva e produción en novos medios na facultade de Comunicación Audiovisual, en Pontevedra, onde tenta transmitir aos estudantes o enfoque práctico e independencia de pensamento para que poidan facer fronte a unha realidade dura e competitiva. Sorpréndese, pero non se frustra, cando lles encarga un traballo e o primeiro que preguntan é: “Cantos folios e cal ten que ser o índice?”. A súa resposta non é menos sorprendente: “Ti verás o que consideras que eu teño que ler”.

Na actualidade, Beatriz reinventa o concepto de conciliación xa que, ademais da empresa actual e un novo proxecto en fase de lanzamento participa activamente no clúster do audiovisual: é a presidenta da Asociación Galega de Empresas Dedicadas a Internet (EGANET) e forma parte da xestora para a formación do Clúster Galego das TIC. Dá charlas, organiza actos e cursos, asume responsabilidades que non lle corresponden a consegue encontrar tempo para tomar un café, soñar novos proxectos ou manter esta conversación sobre a súa experiencia.


Galchimia

GalChimia é a empresa española líder no eido da química orgánica sintética. Proveen ás industrias química e farmacéutica de servizos de síntese a medida, investigación baixo Contrato e Desenvolvemento de procesos, poñendo á súa disposición un equipo de profesionais expertos e mantendo en todo momento unha estreita comunicación e asegurando unha estricta confidencialidade a todos os niveis.

A súa misión é “ofrecer unha boa química” e fomentar unha cultura baseada no traballo en equipo, o respecto, a honradez, o compromiso e o servizo, tanto cos seus colaboradores coma cos clientes.

Carmen Pampín

Empezamos outra carreira de cero. O perfil emprendedor é necesario, pero non suficiente.

Galchimia naceu en 2001 co apoio de Unirisco e na actualidade ten 24 persoas no cadro de persoal, “todos doutores e doutoras”, afirma con orgullosa responsabilidade empresarial a súa propietaria. O proxecto xurdiu da vocación emprendedora dun dos profesores do grupo de investigación, un deses casos non habituais no ámbito universitario de persoa inqueda e emprendedora que na actualidade segue a ter unha participación minoritaria no accionariado da empresa, pero non participa no seu desenvolvemento.

Neste momento, a “doutora Pampín” está de baixa por maternidade pero en seguida devolven a chamada para avisarte de que ela se vai poñer en contacto para acceder á entrevista. E Carme chama e préstase a transmitir a súa experiencia, é xenerosa co tempo que neste momento está marcado polo ritmo da súa filla de seis meses, un tempo novo que prioriza este novo reto.

Fala con cariño dos inicios pero “o día a día da empresa é outra cousa” e as decisións dos administradores chocan coa falta de visión realista dos accionistas promotores, polo que tiveron a habilidade de aprender a separar os ámbitos de participación na empresa.

Un paseo pola súa web non é apta para profanos. A conversación con Carme convéncete de que son “empresa de referencia”, tal e como eles mesmos se presentan. Pero Carme préstase a falar “da súa actual profesión”, a que lle fai botar en falta de investigadora pero coa que asume novos retos de responsabilidade sobre as persoas que traballan “no seu equipo”. Considera como un dos seus obxectivos máis importantes, o de ser quen de sacar o mellor perfil persoal e profesional da súa xente.

Ninguén lle fomentou o espírito emprendedor porque os plans de estudo non están enfocados á industria. É doutora en química orgánica pero non atopou aplicación práctica na carreira, nin sequera un enfoque na industria farmacéutica. Incluso na actualidade non teñen moita colaboración das universidades, xa que non facilitan a difusión das ofertas de emprego cando necesitan novas contratacións.

Carme tamén comenta o inexistencia de referencias e formación á normativa durante a etapa universitaria e a herdanza cultural dunha timidez mal entendida nas mulleres.

Baseándose na súa experiencia, afirma que “o perfil emprendedor é necesario, pero non suficiente”. Que se precisa unha formación específica para emprender esta carreira de fondo. O fracaso… “un fito máis, un reforzo. A vida é así”. Non teoriza, acepta e deseña solucións. Asume o risco e rexeita a actitude paternalista que percibiu na maior parte dos docentes durante a carreira.

Necesitan seguir medrando e bota en falta unha maior efectividade nas políticas institucionais, sobre todo na falta de infraestrutura que precisan as empresas. A política de subvencións ten que adoptar enfoques máis proactivos para poder responder ao dinamismo das empresas. Teñen mercado e queren ir por el.

Persoalmente, a motivación de Carme apunta á satisfacción por facer o que lle gusta. Conta con orgullo como un dos seus primeiros clientes os contratou despois de visitar as súas modestas instalacións iniciais tras comprobar que non estaban na universidade porque iso aseguraba a capacidade de resposta.

Fai especial fincapé na capacidade de dirixir, de delegar, de relacionarse. Bota de menos unha asociación de empresas spin off e a falta de profesionalidade das asesorías. Non lle asusta o éxito. É unha creadora de solucións que se sente satisfeita polos retos emprendidos.


Hifas da terra

Cogomelos, o ingrediente dun negocio millonario

A empresa fundada por Catalina botou a andar da man de dous bolseiros. Hoxe son máis de 60 e facturan 15 millóns ao ano.

Catalina Fernándezo

Catalina Fernández de Ana Portela creceu á vez que o fixo o seu bosque de castiñeiros micorrizados, o que o seu pai plantoulle cando era nena na leira familiar. Cada ano ía vendo como evolucionaba a planta, a calidade das castañas e os cogomelos que tiña.

Sen darme conta fun facendo unha selección natural dos meus coñecementos

«Hifas da Terra» é en esencia un cúmulo das experiencias vitais da súa fundadora, que hoxe celebra converterse en unha das empresas de biotecnoloxía aplicada á micoloxía, centrada na divulgación científica do uso terapéutico dos fungos, con maior proxección no mundo. Esta compañía pontevedresa é * pioneira en Europa en todas as actividades que desenvolve relacionadas os cogomelos**.

O seu é, sen dúbida, pura vocación creadora e empresarial porque no camiño, conseguiu non só superas senón converter en éxitos todo tipo de atrancos e problemas, como a oleada de incendios que arrasou toda a súa obr.

Na actualidade desenvolve a súa vocación investigadora a través da Fundación Hifas, unha organización non gubernamental (ONG) dedicada á mellora da saúde e o medioambiente mediante a aplicación da Micoloxía a proxectos de investigación e desenvolvemento. A Fundación define a súa misión en dous puntos:

  • Realizar ensaios clínicos de micoterapia a nivel oncolóxico
  • Desenvolver un programa de transferencia tecnolóxica formando a personal sanitario e pacientes en Micoterapia e Oncoloxía Integrativa

Os fungos poden axudar a crear un planeta máis xusto e sustentable


empresarias_universitarias.txt · Última modificación: 2019/12/16 20:07 por isabel