Herramientas de usuario

Herramientas del sitio


empresarias_xubiladas

Antecedentes / Empresarias xubiladas

Primeiras biografías recollidas no marco do “Proxecto de investigación e recuperación da memoria histórica sobre mulleres emprendedoras na provincia da Coruña” co que se lles quixo dar o debido recoñecemento en vida a estas empresarias na actualidade xubiladas.

Porque... A que se dedicaban?


A recuperación da memoria histórica vén ser xa unha práctica que se vai estendendo a diversos ámbitos da vida económica e social. Así, a recente posta en marcha por parte do Servizo Galego de Igualdade da exposición “Pioneiras”, puxo de manifesto a necesidade de continuar este labor con empresarias aínda vivas pero xa xubiladas, moitas das cales tiveron un importante papel no nacemento e fomento do sector asociativo empresarial de Galicia.

O valor da recuperación da memoria histórica é incuestionábel, pero máis aínda o seren capaces de aproveitar todo o saber facer acumulado nestas mulleres que se merecen, ademais do recoñecemento social, a oportunidade de expoñer e compartir as súas experiencias e a súa historia.

Completan este traballo as memorias de cinco empresarias excepcionais coas que nos entrevistamos estes meses:

  • María Luísa Couceiro Seoane: Dra. en Farmacia y titular del Distrito Farmacéutico de Betanzos.
  • María Lavandeira Maceiras: dentista autodidacta.
  • Consuelo Ramos López: o queixo é a súa es súa vida.
  • Juana Permuy Vilasuso: hostaleira con honores.
  • Anastasia Pisonero Ramos, “Tasina”: empresaria textil, creadora de Viriato.

No entanto, aínda a risco de volver a “enfadar” á promotora deste traballo, parécenos xusto transgredir as regras con dúas referencias biográficas que pensamos que non deben faltar e que non son outras que a da propia Ángeles de la Iglesia e a de Mª Teresa Vidal Gallego, ambas unidas por máis de 30 anos de historia á fronte das organizacións de empresarias en Galicia.


María Luísa Couceiro Seoane

Dona María Luísa Couceiro Seoane, Dra. en Farmacia e titular do Distrito Farmacéutico de Betanzos, colexiada nº 549, rexenta dende o ano 1968 a farmacia do Doutor Couceiro, seguindo deste xeito unha tradición familiar que se remonta dende principios do s. XVIII. Sita no número 8 da rúa Prateiros, da cidade de Betanzos, os primeiros documentos que se recollen da farmacia datan do ano 1714: “Teño documentos en arquivo de 1714”.

A Farmacia Couceiro leva tres séculos de actividade ininterrompida. Rexida pola mesma familia e emprazada no mesmo lugar, dona María Luísa, aos seus 82 anos, é a oitava xeración, polo que a Farmacia Couceiro se perde no tempo. Como ela di, “empezou cando se empezaron a usar os remedios, as plantas…”.

Tras o falecemento do doutor Couceiro, a súa viúva, dona Encarnación Serrano, licenciada en Xurisprudencia, saca o título de Farmacia e faise cargo de negocio familiar ata a maioría de idade do seu fillo, don Fermín Couceiro Serrano. Nado no ano 1862, é avó de dona Mª Luísa e obtén o seu título de doutor en 1881: “O depósito do título de doutor custoulle daquela 750 pesetas”.

Debeu de ser dos primeiros doutores daquela época. Gran profesional, os seus traballos dirixíronse máis cara ao campo da medicina veterinaria e inventou a “pomada de fuego”, poderoso revulsivo no campo da veterinaria, que era aplicado ao gando cabalar e vacún en certas enfermidades propias da raza.

Foi premiada en diversas exposicións: Lugo no ano 1896, Xixón en 1899 e Santiago de Compostela en 1909. Recibiu tamén unha mención honorífica en París no ano 1900.

O rexistro da devandita pomada estendeuse a México, Cuba, Arxentina…

D. Fermín Couceiro tivo 10 fillos, entre os que se atopaba, don Jesús Couceiro Núñez, licenciado no ano 1915. Obtén o seu título en 1917. Os seus remedios farmacéuticos eran elaborados na propia farmacia e recomendábanse por todos os médicos, “prestixiosísimo profesional, entrañábel non só para a súa xente senón para toda a comarca e persoa moi querida. A xente adorábao”.

Ao tempo, dona María Luísa Couceiro, sobriña de don Jesús Couceiro Núñez, licénciase en Farmacia e realiza o doutorado en Santiago de Compostela. Os seus tíos eran persoas moi maiores, así que no ano 1952, aproximadamente, comeza a traballar na farmacia.

En 1967 falece o seu tío, o señor don Jesús Couceiro Núñez, e en 1968 dona Maria Luísa pasará a rexentar a farmacia, continuando coa tradición familiar xerada ao longo do tempo. Dona María Luísa foi recuperando a esencia do que fora nos seus inicios a botica: “Encarguei a un ebanista que me fixese unha copia dos anteriores mobles”. Paseniño foi recuperando todo o que alí existira, poñéndolles luz aos mobles e mostrando todas aquelas reliquias que tanta historias contiñan no seu interior.

Sempre tivo a inquedanza de mostrar aquilo, e que a xente soubese o que alí había e lle desen importancia, por iso decidiu exhibir as pezas antigas: “Puxen todo a exhibir para que se decatasen do que había dentro de casa”. Na rebotica poden atoparse numerosas pezas do s. XIX. Porén, ela non deixa de destacar o labor do seu marido, sen o cal non podería facer todo o que fixo: “Pasábase o día enteiro dedicado á farmacia”.

A parte de diante é de cerdeira, mentres que a de atrás é de castiñeiro. No establecemento apréciase o gusto neoclásico, cos capiteis da época, de cerdeira con ouro de lei, ornamentación formada por madeiras nobres, destacando sobre todo o numeroso “botamen” empregado na elaboración de diversas “formas farmacéuticas“.

A beleza dos caixóns e a antigüidade dos utensilios fan dela unha auténtica farmacia-museo. A día de hoxe, séguense preparando as fórmulas maxistrais de toda a vida.

Unha fotografía do retrato do seu tataravó, o señor don Cosme Antolín Montañés Crespo, preside o seu despacho, coidado ata o último detalle e que aínda conserva toda a maxia da época. Dona María Luísa é a oitava xeración. No establecemento xa se atopa traballando a novena xeración, a súa sobriña, a farmacéutica María Sánchez Martínez.

No seu casi si ten recoñecemento público. No ano 2001, a farmacia do doutor Couceiro Montañés foi galardoada coa Medalla de Prata de Galicia. O pasado 4 de xullo foille entregado, pola Cámara de Comercio, o título de “empresa centenaria”, ao tratarse dunha empresa tricentenaria, historia dunha longa familia de farmacéuticos que exerceron a súa profesión de boticarios dende o s. XVII. Na cidade de Betanzos foille entregado outro premio.

Asemade, conta coa felicitación e recoñecemento por parte da Real Academia de Belas Artes: ”(…) felicitar á doutora María Luísa Couceiro Seoane, propietaria da Farmacia Couceiro de Betanzos, a máis antiga de Galicia e que vén ocupándose deste labor dende principios do s. XVIII, polo mantemento do mobiliario e exemplar respecto ás remodelacións feitas nos pasados séculos”.

Actualmente, dona María Luísa segue rexentando a farmacia e conta para o desempeño do seu labor coa súa curmá María José Martínez Couceiro, e coa súa sobriña María Sánchez Martínez, licenciadas ambas as dúas en Farmacia, ademais de co persoal auxiliar da farmacia.


María Lavandeira Maceiras

María Lavandeira Maceiras naceu o 2 de novembro de 1922 en Vimianzo. Aos seus 86 anos destaca pola súa vitalidade.

Aos 7 anos aprendeu a ler e a escribir: “Tiñamos un libro para dous”, pero non foi ata os 25 anos cando comezou a ir a escola. Os seus pais foron sempre persoas que se preocuparon de axudar aos demais, persoas moi voluntariosas que aproveitando os traballos dos labores do campo utilizaban os produtos que obtiñan do campo para trocalos por outros.

Entre as persoas que lle compraban o leite atopábase a mestra da vila, e é a partir de aí cando dona María comeza a ir á escola con 25 anos. Polo día traballaba no monte e pola noite acudía á escola das oito da tarde ás once da noite.

Como moitos fogares daquela época, esta era unha casa colaboradora. A mestra non tiña leite, polo que llo facilitaban a cambio de que lles aprendera a ler e a escribir. Era moi importante que dona María aprendese para poder escribirlle os seus familiares que estaban no estranxeiro (en Montevideo). Asemade o cura facíalles ver a importancia de que aprenderan: “Se non sabedes a doutrina, non vos caso”.

María vén dunha familia que sempre tivo ideas de futuro. Os seus avós eran persoas moi traballadoras e aforradoras que, en pouco tempo, xuntaron entre os dous 12 reais.

O seu avó fundou a casa onde vive, en Baio. O seu padriño comezou como dentista en Bos Aires, mentres que a nai realizaba os labores de dentista na comarca. Durante o tempo que exerceron as súa actividade, dona María sempre lles gardou moito respecto aos seus pais, especialmente á súa nai, á que se dedicaba a mirar o observar, aprendendo do que facía ela. Tras o falecemento da nai, e con todo o que aprendera, María comezou como dentista, aos 50 anos, realizando arranxos nos dentes e elaborando dentaduras.

Dona María, na súa vida dedicouse a moitos oficios: labores do campo, dentista, recollida de froitos, costureira, palilleira… Sen dúbida foi sempre unha muller todoterreo: “Aprendín a facer moitas cousas porque daquela non había homes na casa, nada máis que meu pai… Chegaba a hora de traballar no campo, e a cambio de que a xente me axudara, eu arranxáballes os dentes”.

Ela fixo a súa propia dentadura, sen dúbida, uns dentes perfectos. Entre os seus oficios destacaba o de costureira. En ocasións, e sempre deixando presente o profundo respecto que tiña á súa nai, collíalle a máquina de coser e cosía ás agachadas. Na época do movemento nacional, na Guerra Civil, aprendeu a coser, calcetar, fiar…

A partir das ovellas, sacaban a lá e de aí facían calcetíns e xerseis.

Aos homes que viñan de permiso militar a Baio facíalles calcetíns e panos. Logo, os xefes, a veren aqueles calcetíns de lá auténtica, decidiron enviarlle unha carta facéndolle unha petición: ser “madriña de guerra”. Naquela época, eran mulleres que colaboraban cos combatentes franquistas. Tiveron un carácter auxiliar.

Cosían uniformes nos roupeiros, servían nos comedores infantís do auxilio social, postulaban pequenas axudas para os militares, visitaban os feridos e os soldados na fronte…

Ela non accedeu á devandita petición posto que a política nunca lle gustara e non se quería ver inmersa nese mundo. Rexeitou ser “madriña de guerra”, pero aceptou encargos para coser panos para os militares. Mandábanlle os panos cortados, para coselos a máquina. Por todo iso lle enviaban cartas de agradecemento.

Aos 78 anos comezou a palillar grazas aos cursos que fai o Concello e ao día de hoxe segue palillando. Na actualidade, María segue a facer as tarefas da casa e a palillar, fiar…

Con carácter anecdótico, cómpre destacar a súa faceta de actriz, xa que hai 8 anos comezou con clases de teatro e xa participou nalgunha película.


Consuelo Ramos López

Consuelo Ramos López naceu, no rigor do inverno, o 7 de xaneiro de 1939 en Santa Locaia de Branzá, Arzúa. Medrou nunha familia numerosa e xa dende moi nena tocoulle axudar á súa nai coa elaboración de queixos artesáns. Ela, a terceira de sete irmáns, é a maior das fillas e veuse obrigada a traballar por necesidade.

Dende ben nena desprazábase ás distintas feiras a vender o queixo, ademais de axudar na elaboración e coidado deles. Viviu nunha época na que os homes ían á escola, para posteriormente acudir ao servizo militar, mentres que ás mulleres tocáballes traballar nos labores que xiraban arredor da casa.

Aos 18 anos casou e trasladouse a Turces. Aínda non cumprira os 24 anos e xa tiña tres fillos cuxa crianza foi quen de compatibilizar co traballo da casa e seguir facendo queixo. Traballou sen descanso para que os seus fillos tiveran a formación que ela non puido ter.

Tamén nos deixa claro que o seu marido, José Pereira Conde, sempre a axudou e entre os dous sacaron adiante aos catro fillos: María, Purificación, Benigno e Xosé. Os queixos foron a súa aposta decidida para obter os maiores beneficio de prosperar: “Tiñamos poucos medios e eu quitáballe moito máis ao queixo que ao leite”.

Comezou vendendo os queixos en Santiago de Compostela, nun camión de feiras: “Viaxabamos na cima do camión”. Como toda a xente que naceu na posguerra e medrou co medo no corpo, aprendeu a repartir beneficios para obter colaboración: “Tiña que deixarlles uns queixos para que me deixasen pasar”.

Na actualidade ten catro netos que levan, como os fillos que sempre a axudaron e como o resto da familia, a paixón polo queixo no sangue.

No relato da súa historia converte as dificultades en anécdotas como cando nos inicios, por mor da inexperiencia, cometeron o erro de mercar unha vaca en Santander que viña tuberculosa. Ao traer aquela enfermidade, contaxiou todo e posteriormente tiveron que facer un labor de saneamento, desinfectándoo de novo. Foi no ano 1985.

Fixeron o saneamento completo. Tiveron que limpar, queimar e desinfectar todo para comezar co proceso de novo mercando vacas inglesas e alemás. Acudían en grupo a buscalas, e desa maneira resultáballes máis económico. As vacas que mercaran estaban todas preñadas.

De pasar de ter moi pouco leite, pasaron a ter moito, polo que para aproveitar este excedente chegaron a facer 58 quilos de queixo diario con leite cru.

Pero seguir prosperando esixía cambios. Eran conscientes de que había que modernizarse, mellorar o sistema e crear unha queixería.

Foi en 1980 cando Consuelo Ramos e o seu esposo crean a marca Arquesán, en Murgás, Touro, na provincia da Coruña, con esa tradición que se transmite de xeración en xeración, mantendo a filosofía artesanal que deu orixe a tan exquisita produción que hoxe goza de denominación de orixe recoñecida en todo o país e, incluso, fóra das nosas fronteiras.

No entanto, eran outros tempos e a comercialización era moi dura. Dende a súa casa á estrada tiña que camiñar un quilómetro, “case sempre por un sendeiro de barro”, ata tomar o coche de liña que a levaba a Santiago de Compostela. Moitas veces, o autobús deixaba a estas mulleres lonxe da praza de Abastos, e tiñan que subir a dura costa do Castrón d’Ouro, coa rodela e a cesta na cabeza. E recordan con nostalxia: “Aínda cando vou á praza, sempre miro a esquina na que se poñía miña nai a vender os queixos, que algunha vez me levaba con ela”, di Benigno Pereira.

Pero o traballo tivo recompensa. A boa produción de leite fixo que tiveran importantes ganancias, o que lles permitiu mercar a primeira cámara frigorífica no ano 1986.

Paseniño foron medrando e montaron a primeira queixería que foi inaugurada pola Xunta de Galicia, polo conselleiro de Agricultura, no ano 1987. O leite ía directamente do teto á queixería. Unha queixería na que ten moito que ver o fillo, Nino, que segue mantendo a tradición e é na actualidade un dos propietarios do queixo Bama.

Pero o traballo estaba bendicido con algo fundamental: o instinto comercial. Ela quería ao seu queixo de Arzúa, pero co inconformismo de quen busca a perfección, non se deixou de mellorar a súa receita ata crear un queixo excepcional. Confesa ter como único segredo o seu amor a un traballo no que se iniciou cando tan só contaba con 12 anos de idade: “Tenche que gustar o que fas, ademais de ter a responsabilidade de facelo ben e non baixar nunca a garda”.

Foron quen de ir convertendo as dificultades en oportunidades, como o cambio de gando que lles permitiu mellorar a produción para seguir investindo e ensaiando novos métodos cos que mellorar a produción: “En 20 anos houbo que transformar moitas cousas para poder estar dentro da Comunidade Económica Europea”.

Hoxe en día os queixos, coa súa etiqueta, distribúense directamente nos camións frigoríficos de Bama.

Pero non só innovaron na elaboración. Na Agro Despensa desenvolven unha auténtica actividade didáctica na que reciben excursións de nenos aos que lles aprenden a facer o queixo, póñenlles debuxos ou realizan xogos. Cada neno fai o seu queixo, ao que logo lles píntan a etiqueta. Cada queixo leva o seu número, polo que se lles envía cando está curado e feito.

Por esta Agro Despensa teñen pasado xa máis de 5.000 nenos. Pero non son as únicas excursións que reciben, xa que tamén os visitan enfermos de Conxo, da Escola de Hostalería, etc.

Na actualidade, a produción é tal que a obtida entre Consuelo e o seu marido (marca Arquesán), e o seu fillo (marca Bama), constitúe a metade da produción de todas as queixerías que están inscritas no Consello Regulador. (2.500 litros diarios / 8 litros = máis de 300 queixos de produción diaria).

O seu queixo só está á venda en tendas especializadas. Distribúese por Barcelona, Palma de Mallorca, Suíza…, pero nunca en grandes superficies. Son un manxar selecto da boa mesa baixo o selo de Arquesán (de Agro Despensa).

A marca Bama, a través dun consorcio de queixo tradicional de España, exporta aproximadamente para uns 25 países estranxeiros, chegando incluso ata O Xapón.

O queixo é a súa vida: “Mentres poida, seguirei facendo queixos”.

Entre os recoñecementos obtidos destaca o seu primeiro premio, queixo feito con leite crúa, dado pola Consellería de Sanidade a principios dos anos 80. No entanto, o que máis ilusión lle fixo foi a homenaxe que lle brindou o Concello de Arzúa no ano 2005.


Juana Permuy Vilasuso

Juana Permuy Vilasuso naceu o 3 de xullo de 1938. Dende moi nova dedicouse aos labores do campo e da casa, cosía calcetíns dende os oito anos e lavaba a roupa. A súa traxectoria profesional comezou, hai máis de corenta anos, cunha pequena taberna na que paraban os veciños e os traballadores da central do Eume.

Foi á escola ata os 16 anos e, aos 20, xa estaba casada. A súa familia abriu unha taberna que ela atendeu compaxinando co nacemento dos seus dous fillos.

A axuda na tasca era necesaria para a economía da familia. Naqueles tempos vivían regularmente, “pero todo o mundo quería mellorar”.

Tan só levaba uns meses coa taberna cando, aos dous días de nacer a súa filla máis maior, ardeu todo. Aquela construción de madeira foi destruída nun incendio xunto coa mercadoría, moita dela sen pagar aínda. Ardeu todo. Só quedaron as facturas pendentes de pagar.

Sen esperalo, Juana e o seu esposo, Antonio Calvo, víronse ante as cinzas do seu local. Quedaran sen nada e acababa de nacer a súa primeira filla.

Pero a forza das persoas que loitan pola vida contra todo impedimento fainas quen de erguérense de entre as cinzas, e pouco despois o canteiro Ruibal, o mesmo que fixo as primeiras casas da Estoxa, axudado por Vence, comeza a levantar a casa de pedra, por encarga de Domingo de Peizás e o seu fillo, Antonio. Alí, Juana abre un negocio no que combina a tenda de ultramarinos co bar.

Toda a mercadoría que tiña para vender ardera naquel fatídico incidente.

Estivo dous anos pagando a mercadoría que ardera no incendio, paseniño, mentres facía o almacén e posteriormente a casa, a primeiros dos anos 60. Na taberna había perfumaría e mercería. De feito, a primeira televisión da zona puxérona eles e polas tardes xuntábase alí a xente.

O bar foise facendo casa de comidas, mesturando a arte para a cociña de Juana coas troitas e os reos do Eume, facendo tamén cocido, requeixo, freixós… De aí, Juana pasa aos primeiros banquetes de voda, para o que conta coa inestimábel axuda de Maruja de Ruibal e da familia. Eran banquetes como festas de patrón, tal e como se reflectía en fotos dos anos 60, que quedaron como testemuño.

Chegan os anos 70 e constrúese o primeiro comedor con capacidade para 150 persoas, o que favorece que aumente a fama e o prestixio, tanto en banquetes como en comidas á carta, e que esixe ampliar as instalacións cun novo salón de case 500 metros cadrados.

Medraba a demanda e a xente desprazábase ata alí.

Foi das primeiras mulleres da zona en sacar o carné de conducir.

Juana conta dende o ano 1997 co apoio do seu xenro, Rogelio López Loureiro, encargado da xestión e proxección do negocio, quen actualmente pasou a tomar a testemuña da dirección do negocio.

Prodúcense novas e sucesivas reformas das instalacións: aparcadoiro, beirarrúas, xardíns… Todo sempre dende os dous piares que constitúen o éxito do negocio: por unha banda, o desexo de facer un restaurante digno e fermoso e, por outro, o traballo diario de Juana, cun equipo humano que leva con ela máis de dúas décadas.

Todos estes factores levarán a que se inaugure no ano 2001 o Hotel Fraga do Eume. No ano 2005 volve a ampliar a oferta para banquetes e eventos, poñendo outro salón, contando na actualidade cunha capacidade de 500 prazas.

Das cinzas do seu comezo, Juana creou un restaurante, Casa Peizás, e o Hotel Fraga do Eume. Tres salóns, cafetería e un restaurante á carta (mencionado xa dende hai dous anos na Guía Michelín) conforman as instalacións deste marabilloso complexo.

Hoxe en día segue activa: guionista de teatro, pandereteira nun grupo, viaxes… Participa na vida cultural e social da Capela. Goza participando en actos populares e culinarios, como por exemplo o día que fixo callos para 700 persoas.

Dona Juana recibiu ao longo da súa traxectoria profesional a Medalla de Bronce de Galicia, no ano 2001, o Premio Nacional de Gastronomía de Radio Turismo e o Premio ao labor de toda unha vida (Concello de Lalín), entre outros.

Recorda orgullosa como a xente que estivo alí volve. Aqueles nenos que no seu día celebraron a súa comuñón, volven pasados os anos a contratar a súa voda: “Despois de 20 anos aínda se seguían a lembrar do requeixo que comeran na súa comuñón“.


Tasina Pisonero Ramos

Coñecida como “Tasina”, Anastasia Pisonero Ramos nace no ano 1929 en Villalón de Campos, Valladolid.

Estudou en Vigo, onde chegou con nove anos. Alí estivo no colexio das Carmelitas ata os 16. Posteriormente, trasládase a Pontevedra. E alí, cursando unhas materias de Maxisterio, é onde coñece o seu marido.

Casou con 21 anos, pero xa estaba exercendo de mestra en Tui.

O seu marido, Viriato, procedía dunha familia modesta. El tiña un comercio de confección en Pontevedra cun tío seu, pero ao casar independízase e a parella decide poñer un comercio en Ordes.

Eran coñecedores das feiras que había alí, pero tamén sabían que non había nada de comercio, e consideraron que sería unha boa idea establecer o negocio naquela comarca. Aquela idea empresarial causou revolución na zona. A forma de levar o negocio era innovadora e o escaparate era inmellorábel.

Comezaron coa súa etapa de fabricantes a partir da compra dunha máquina e a contratación de dúas rapazas para que Tasina as dirixise. Propuxéranlle dar clases particulares, pero preferiu seguir os pasos do seu marido, e así naceu a combinación entre comercio e produción.

Quería chegar a medrar o suficiente como para satisfacer toda a demanda que vían que ía xurdindo. Por aqueles tempos, 60 prendas parecéralles unha loucura.

Foi o paso definitivo cara ao traballo automatizado. Tasina esixíase a ela mesma, e transmitíao á súa xente.

Sempre foi unha persoa con moita iniciativa Co afán de atopar novas cousas non dubidaba en viaxar a sitios como París ou Alemaña para coñecer os avances do sector noutros países. Non tiña ningún inconveniente en ir ao estranxeiro a mercar maquinaria.

“O primeiro ‘eslabón’ foi o primeiro cliente; logo correuse a voz e veu todo rodado”. Había moitísimos pedidos e chegou a ter ao redor de 500 empregados. Un numeroso cadro de persoal no que as mulleres sempre superaron aos homes.

A demanda de man de obra para a empresa causou unha auténtica revolución na comarca. As mulleres da zona, naqueles tempos, case non sabían as primeiras letras e levaban unha vida moi dura no campo. A maioría tiñan unhas mans tan rudas que era moi difícil adestralas para un traballo máis delicado: “Para elas foi unha liberación, ata o punto de que preferían vir tamén os sábados porque nas súas casas as obrigaban a ir ao campo, e non querían”.

A empresa Viriato, resultou como unha escola para as persoas que alí traballaban, e sempre se sentiu responsábel dos seus traballadores. Tanto Tasina como o seu marido coñecían a todos persoalmente: “A el encantáballe incentivar a aqueles que lle respondían ben”, conta Tasina. O que na actualidade é Viriato, S. A., foi unha escola para moitísima xente.

Tasina sempre foi unha persoa moi versátil no seu traballo, e tanto se encargaba da mostraxe coma dos provedores ou do persoal. Ademais realizaba viaxes para ver os avances que había en países como Escocia, Alemaña e Italia, e para traer materia prima.

A súa meta a seguir foi que o home se sentise como unha muller máis no gremio téxtil. Dalgún xeito adiantouse aos tempos da igualdade.

A xente naqueles tempos respondía moi ben no seu traballo: “A orde chegou soa, foime moi fácil dirixilos. A orde xeraba orde“.

Tratábase dun colectivo que non tivera sorte na vida, e que ante a oportunidade que se lles brindou, dérono todo. O patrimonio humano en Viriato foi moi importante: “Se non fose por esta xente e a súa forma de facer, Viriato non existiría”. Había bo ambiente e moita colaboración. Chegaron a facer 5.000 prendas diarias.

O lema de Viriato era “Vendemos moito porque vendemos barato, e vendemos barato porque vendemos moito”.

Tasina ten nove fillos. O primeiro con 22 anos e o último aos 43.

De xeito anecdótico, lembra que nunha ocasión un dos seus clientes, cando Tasina estaba embarazada, díxolle: “Aquí hai produtividade por todos os lados”.

Conta tamén que espertaba malestar entre as amas de casa, porque para elas as mellores empregadas eran as rapazas, e estas se encontraban todas empregadas por Tasina na súa fábrica.

Dona Tasina foi recoñecida como filla adoptiva de Ordes, e co Escudo de Ouro de Pontevedra (sen ser galega).

Na actualidade goza da compañía dos seus fillos e dos seus 18 netos, cos que se entende á perfección.


Ángeles de la Iglesias Daviña

Nacida en Gondomar, provincia de Pontevedra, a súa infancia pásaa en Santiago de Compostela, e con escasos oito anos trasládase á Coruña, cidade que verá a súa evolución como muller e empresaria. Sendo estudante coñece o que será o seu marido, pai dos seus tres fillos e socio no ámbito profesional durante toda a súa vida. No ano 1955, con 17 anos, comeza a súa traxectoria empresarial no sector de hostalería, na empresa do seu esposo a churrería Irmáns da Barreira, aínda que non é ata o ano 1959 cando empeza a pagar o equivalente á actual “licenza fiscal” pola actividade de “alimentación” (grupo de Masas Fritas), e que lle permitía adquirir materia prima por ela mesma.

En 1961 aparece xa como cotitular co seu esposo do Café Atalaya, un histórico da cidade da Coruña situado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez, e tamén como cotitular do Café Terminal, situado na mesma localización dende 1963 ata 1974. A partir de 1983, o Atalaia trasládase do emprazamento orixinal á zona de Elviña, e segue rexentándoo ata 2005, ano no que se xubila, aínda que siga sendo a súa titular.

É no ano 1983 cando, pola súa traxectoria persoal e profesional, é chamada para formar parte das listas electorais municipais e será elixida como concelleira pola Coruña, cargo que mantén ata o ano 1995, e asume sucesivamente as delegacións de xardíns, iluminación e turismo.

No ano 1988 decide diversificar a súa actividade e monta un salón de peiteado, Mayuly, aínda que a súa actividade principal seguirá sendo a hostalería, chegando a ter un cadro de persoal de 28 empregados.

Paralelamente ás súas actividades profesionais e familiares, xa dende principios dos anos 60 participa activamente no ámbito asociativo, organizando e colaborando en diferentes congresos empresariais e impulsando a creación de todas as asociacións de empresarias de Galicia, incluída a Federación Autonómica FEGA.

No ámbito do asociacionismo iníciase ao redor de 1961 como representante provincial do Sindicato Vertical polo grupo de Masas Fritas, formando parte nesas mesmas datas da sección económica deste e sendo vogal nacional.

Máis adiante, en maio de 1971, convócase dende o Sindicato Vertical a varias empresarias para ser fundada a Asociación Española de Mulleres Empresarias (ASEME), da que será nomeada vicepresidenta. No ano 1973 foi nomeada presidenta.

Acolléndose á nova Lei de asociacións de 1977, rexistra e inscribe os estatutos da Asociación de Empresarias da Provincia da Coruña (a primeira das asociacións provinciais que o leva a cabo), o cal fará posíbel que as outras asociacións provinciais se poñan en marcha.

Con esta nova lei póñense en funcionamento as asociacións sectoriais e, no seu ámbito sectorial, será a primeira muller membro da Asociación de Hostalería, membro do seu comité executivo e da súa xunta directiva, constando inicialmente no seu Libro de Socios como membro número 13. Hoxe en día aparece como número 1.

En 1983, utilizando como base o local da Asociación de Hostalería, impulsa a actualización dos estatutos da Asociación de Empresarias, que pasa a ter a súa denominación actual, Asociación de Empresarias da Coruña (AECO), e intégrase na Confederación de Empresarios da Coruña como organización sectorial en 1985. Ángeles será presidenta de AECO ata o ano 2007, pero continúa vencellada á entidade como membro da xunta directiva.

O 27 e 28 de abril de 1989 celébrase na Coruña, o I Congreso Galego de Empresarias, coa presidencia da Condesa de Fenosa e a asistencia de persoeiros como o presidente de a Xunta de Galicia, don Fernando González Laxe, así como diversos conselleiros e o alcalde da Coruña, don Francisco Vázquez.

Nese congreso, a instancias de Ángeles como presidenta de AECO, acórdase a constitución e posta en funcionamento da Federación de Empresarias de Galicia. Constará na súa creación como presidenta en funcións ata a asemblea constituínte do ano 1991, ano no que FEGA pasa a ser membro da Confederación de Empresarios de Galicia. Máis adiante, Ángeles será presidenta electa de FEGA dende marzo de 2000 ata marzo de 2006.

En 1991 é elixida membro contador do comité executivo da CEC, e actualmente é membro da súa xunta directiva. Nese mesmo ano, pasa a formar parte do pleno da Cámara de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, ata hoxe en día, e posúe nesta a presidencia da Comisión de Turismo.

No ano 2006 pon en marcha un novo proxecto asociativo, a Federación Provincial de Asociacións Comarcais de Empresarias, Profesionais e Emprendedoras da Coruña (FEDACEPE), entidade na que esta muller, xa bisavoa, mantén unha enerxía infinita e continúa apoiando o labor das empresarias e difundindo entre as mulleres a cultura emprendedora da que ela é un bo exemplo.


Mª Teresa Vidal Gallego

“Charo” para os seus amigos e a “empresaria” para moitos. Viguesa orgullosa e comprometida, de forte carácter e ademáns señoriais, visionaria nos grandes temas e esquecediza nas “pequenas cousas”, dona Charo, como case todo o mundo a chama, naceu no ano 1926 e é nai de cinco fillos.

Charo é unha muller impaciente, como adoitan ser as persoas de gran altura intelectual e cultural, pero soubo compensar esa impaciencia cunha inmensa capacidade de reflexión e persuasión. Comprende as circunstancias pero non as quere entender: quere cambialas.

Pódese dicir que se iniciou na actividade empresarial dun xeito un pouco accidental. Tras cursar estudos de Bacharelato universitario, o seu desexo de estudar Ciencias Exactas veuse truncado por non existir esa carreira na comunidade autónoma galega. O seu pai, home adiantado para os seus tempos, decide, no entanto, non enviala lonxe por temor que case e quede noutra cidade e ela decide estudar Maxisterio e no tempo libre axuda na empresa familiar, Santiago Vidal Gimeno, S. A., fundada no ano 1912, dedicada ao subministro de material eléctrico por miúdo e a taller eléctrico.

No ano 1942 incorpórase definitivamente á empresa, onde desenvolve un dos seus principais talentos: a capacidade de relación, encargándose das relacións públicas, licitacións, concursos e relacións cos provedores. Visionarios e pioneiros, son os primeiros en empregar a fluorescencia na iluminación pública e conseguen facer toda a instalación eléctrica tanto na fábrica piloto coma na primeira factoría de Citroën en Vigo.

Dende o ano 1955, no que nace a súa primeira filla, compaxina as tarefas do fogar co seu traballo na empresa. Sempre di que, dende ese ano, non volveu ir ao cine pola tarde.

Considérase unha pioneira no campo da igualdade, xa que, se ben procede dun sector profundamente masculinizado no que as mulleres, especialmente neses anos, non tiñan moita cabida, sempre foi ben tratada polos seus compañeiros, tanto de profesión como das diferentes entidades públicas e privadas coas que trataba, con respecto e amizade, sentíndose sempre como unha máis. Ela sabe ben do que fala, xa que foi a única muller na directiva nacional da Asociación de Mayoristas de Material Eléctrico, así como unha dos primeiros membros da Confederación de Empresarios de Pontevedra, xunto con outra muller, Mª del Carmen Alonso Casás, procedente da industria do vidro.

Nestes anos, a empresa foi evolucionando, centrándose máis no sector privado, na distribución por xunto e abandonando o taller eléctrico. Foi a primeira en conseguir que o Concello de Vigo aceptara avais como fianza nas licitacións públicas en lugar da entrega de cartos en efectivo que quedaban depositados en caixas de caudais, igual que foron os primeiros en conseguir pór en práctica para os provedores de Citroën que se estaba a instalar na cidade para que se admitiran liñas de créditos especiais.

Dende hai 20 anos, gran parte do seu esforzo está vencellado coa asociación de empresarias que preside dende a súa Fundación. Dándolle esta asociación a maior satisfacción ao acadar a baixa maternal para as mulleres traballadoras, que salvaban así un importante escollo para a súa contratación por parte do empresariado e conseguindo que esta baixa se aplicara na comunidade autónoma galega un ano antes que no resto do Estado.

Tamén traballou dende sempre pola defensa do traballador autónomo, continuando neste campo co labor xa iniciado polo seu pai, xunto con outros traballadores do sector do metal. Este labor concretouse na súa presenza no pasado ano na sinatura, xunto co ministro de Traballo, Jesús Caldera, e representantes de sete organizacións nacionais de traballadores autónomos, entre elas Caype, do anteproxecto do Estatuto do Traballador Autónomo antes do seu paso a Cortes.

A pesar da súa xubilación, dona Charo segue sendo na actualidade unha persoa activa nos ámbitos de representación e decisión:

  • Membro fundador de la Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).
  • Presidenta da Asociación Provincial de Empresarias de Pontevedra (APE).
  • Presidenta da Asociación de Comerciantes e Autónomos de Pontevedra.
  • Vicepresidenta da Federación de Empresarias de Galicia (FEGA), donde foi presidenta ata o ano 2000.
  • Vicepresidenta da Organización de Mleres Empresarias e de Xerencia Activa (OMEGA).
  • Presidenta de Comercio Interior da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo.
  • Vicepresidenta da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra.
  • Vicepresidenta da Asociación de Comerciantes de Vigo.
  • Delegada na provincia de Pontevedra da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA).
  • Presidenta da Asociación de Mayoristas de Material Eléctrico da provincia de Pontevedra (ASOMATEL) Galicia-Sur.
  • Presidenta da Fundación Galega da Muller Emprendedora (FUGAME).
  • Medalla de Plata de Galicia no ano 2000.
  • Viguesa distinguida no ano 1997.


empresarias_xubiladas.txt · Última modificación: 2019/12/10 23:37 (editor externo)